Virginia Wolf A primeira lectura do curso 2010-2011

Texto por Patricia Nuñez

CLUB DE LECTURA DO ENSANCHE – CURSO 2010-2011

1ª LECTURA: Una habitación propia – Virginia Woolf, 1929.

No outono de 1928, Virginia Woolf imparte en Cambridge as dúas conferencias sobre «Mulleres e novela» que servirán de base para a elaboración do ensaio Un cuarto de seu, que publicará un ano máis tarde; un traballo que explora a posibilidade dunha «escrita feminina» e no que se esboza unha das primeiras historias da literatura inglesa feita por mulleres. Este ‘cuarto propio’ é un espazo no que escribir sen as interrupcións do medio familiar, pero constitúe así mesmo un símbolo da liberdade de pensamento. Virginia Woolf fai fincapé nas condicións materiais que teñen dificultado as carreiras literarias das escritoras e analiza os mecanismos polos que o patriarcado sitúa a muller nunha posición de inferioridade. A escritora británica analiza igualmente as posibles conexións entre o xénero sexual e o xénero literario, alentando as escritoras na procura dunha frase nova e dunha mente andróxina.

Biografía da autora:

Adeline Virginia Stephen; Londres, Reino Unido, 1882-Lewes, id., 1941) Filla de sir Leslie Stephen, distinguido crítico e historiador, Virginia Woolf creceu nun ambiente frecuentado por literatos, artistas e intelectuais.

Tralo falecemento do seu pai, en 1905, estableceuse coa súa irmá Vanessa (pintora que casaría co crítico Clive Bell) e os seus dous irmáns no barrio londinense de Bloomsbury, que se converteu en centro de reunión de antigos compañeiros universitarios do seu irmán maior, entre os que figuraban intelectuais da talla do escritor E. M. Forster, o economista John Maynard Keynes e os filósofos Bertrand Russell e Ludwig Wittgenstein, e que sería coñecido como o grupo ou círculo de Bloomsbury.

En 1912, cando contaba trinta anos, casou con Leonard Woolf, economista e membro tamén do grupo, con quen fundou en 1917 a soada editorial Hogarth Press, que editou a obra da propia Virginia e a doutros relevantes escritores, como Katherine Mansfield, T. S. Eliot ou Sigmund Freud.

Nun dos accesos dunha enfermidade mental que obrigara a ingresala en varias ocasións ao longo da súa vida, o 28 de marzo de 1941 desapareceu da súa casa de campo, ata que días despois o seu corpo foi achado no río Ouse, no que se supón foi un suicidio, xa que se guindara ao río cun abrigo cargado de pedras.

Novelística:

 As súas primeiras novelas, Viaxe de ida e Noite e día, poñen xa de manifesto a intención da escritora de romper os moldes narrativos herdados da novelística inglesa anterior, en especial a subordinación de personaxes e accións ao argumento xeral da novela, así como as descricións de ambientes e personaxes tradicionais; con todo, estes primeiros títulos apenas mereceron consideración por parte da crítica.

Só trala publicación de A señora Dalloway e O faro os críticos comezaron a eloxiar a súa orixinalidade literaria. Nestas obras chaman xa a atención a mestría técnica e o afán experimental da autora, quen introducía ademais na prosa novelística un estilo e unhas imaxes ata entón máis propios da poesía.

Influída pola filosofía de Henri Bergson, Woolf experimentou con especial interese co tempo narrativo, tanto no seu aspecto individual, no fluxo de variacións na conciencia do personaxe, como na súa relación co tempo histórico e colectivo.

Escribiu así mesmo unha serie de ensaios que viraban en torno da condición da muller, nos que destacou a construción social da identidade feminina e reivindicou o papel da muller escritora, como Un cuarto de seu. Destacou á súa vez como crítica literaria, e foi autora de dúas biografías: unha divertida recreación da vida dos Browning a través dos ollos do seu can (Flush) e outra sobre o crítico R. Fry (Fry).

Información ampliada sobre biografía e obra na wikipedia : http://es.wikipedia.org/wiki/Virginia_Woolf

“Virginia Woolf: Caso Clínico”: aquí vos deixo o enlace a un excelente estudo publicado na Revista da Asociación Española de Neuropsiquiatría, que analiza os aspectos máis relevantes na vida e obra literaria da autora, vinculandoos cos seus problemas neurolóxicos. http://scielo.isciii.es/scielo.php?pid=S0211-57352004000400005&script=sci_arttext

Libro recomendado sobre a autora: “Escrita e mulleres: doce ensaios arredor de Virginia Woolf.” (Sotelo Blanco, 2003)

Virginia Woolf no cine:

Recoméndovos a película “As Horas” na que Nicole Kidman interpreta a Virginia Woolf na época na que está escribindo A señora Dalloway, papel polo que Kidman foi gañadora do Óscar á mellor actriz no ano 2002. Xunto a ela, no filme, Julianne Moore, Meryl Streep, Ed Harris e Claire Danes. No ano 1983, Collin Gregg adaptou ao cine a obra “Al faro“. En 1992, Sally Potter levou a cabo unha notable adaptación fílmica de “Orlando” protagonizada por Tilda Swinton; e 5 anos despois, Marleen Gorris plasmou os recordos sentimentais de Clarissa Dallowey no filme “A señora Dallowey“, protagonizado por Vanessa Redgrave.

E para rematar, unha curtametraxe baseada nesta obra de Virginia Woolf. “Una habitación propia. Las hermanas de Shakespeare“. Unha serie de entrevistas a mulleres sobre o proceso de creación. Preme aquí para ver a curta

Algunhas críticas sobre a obra: (esta información, así coma outra relacionada co contexto histórico e diferentes escritores, críticos e artistas da época da autora ou anteriores á súa obra, podedes atopala no seguinte enlace: http://www.blogoteca.com/clpontevedra/index.php?cat=3479

– “Cerrando la puerta“: Sobre a vixencia de Un cuarto de seu e o feminismo woolfiano (por Francisco Fuster Garcia)- http://serbal.pntic.mec.es/AParteRei/fuster48.pdf

“Las hermanas de Shakespeare”: (por Liliana Heker, en La máquina del tiempo, rev. literaria)

http://www.lamaquinadeltiempo.com/algode/heker01.htm

One comment

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s