Porque se esculpen cabazas por Samaín

Texto por Bea Cornide

Jack O’Lantern ou a lenda de por que se esculpen  as cabazas por Samaín

A orixe da tradición de tallar cabazas por Samaín vén dunha lenda de orixe celta sobre Jack o Avaro, un labrego que enganaba e mentía a veciños e amigos. Este costume tróuxolle toda clase de inimigos e tamén a sona de ser tan malvado que rivalizaría co mesmo Demo.

O Demo, a quen lle chegou o rumor de tan negra alma, acudiu a comprobar se realmente era tan ruín como dicían. Disfrazado de humano acudiu á aldea e atopouno na taberna. Púxose a beber con el durante longas horas, revelando a súa identidade despois de ver que era un malvado auténtico. Cando o Demo lle dixo que viñera a levalo para pagar polos seus pecados, Jack pediulle tomar unha rolda máis xuntos, como última vontade. E o Demo aceptou, pero ao ir pagar a débeda ningún dos dous tiña cartos, así que Jack retou ao Demo a converterse nunha moeda para pagar a volta e así demostrar os seus poderes. O Demo aceptou, pero en lugar de pagar coa moeda, Jack meteuna no seu peto onde levaba un crucifixo de prata. Incapaz de saír de alí, o Demo ordenoulle ao labrego que o ceibara, pero este dixo que non o faría a menos que prometera volver ao inferno para non molestalo durante un ano.

Transcorrido ese tempo, o Demo apareceu na casa de Jack para levalo ao inframundo, pero Jack pediu un último desexo, que o Demo collera unha mazá situada no alto da árbore para poder ter a última comida antes do seu tormento. Cando o Demo aceptou, o labrego tallou unha cruz no tronco para que non puidera escapar. Nesta ocasión Jack pediu non ser molestado en dez anos e que nunca máis puidera reclamar a súa alma para o inferno. O Demo accedeu e Jack viuse libre da súa ameaza.

O seu destino non foi mellor, xa que morreu moito antes dos dez anos pactados e San Pedro non o deixou entrar no ceo pola súa mala vida pasada pero tampouco o podían aceptar no inferno xa que o Demo non podía acollelo polo pacto que fixeran, así que o expulsou de alí e condenouno a vagar eternamente entre os reinos do ben e do mal tendo como única luz guía, un carbón aceso dentro dun nabo baleiro.

Co tempo Jack o Avaro foi coñecido como Jack o da Lanterna (Jack of the Lantern), nome que se abreviou no definitivo “Jack O’Lantern”.

Esta é a razón pola que se usan nabos ou cabazas para alumear o camiño dos defuntos na Noite de Todos os Santos, noite na que se encontran o mundo dos mortos co dos vivos; e tamén para evitar que Jack chame á porta das casas e propoñer…. truco ou trato?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s