Samaín, a noite da unión dos dous mundos… a Santa Compaña

Texto por Bea Cornide

Son moitas as manifestacións que se estiman como anuncios de morte: o canto do moucho ao lado da casa, o do corvo e o seu voo, o canto da curuxa, o ouveo dun can, o canto do galo á hora de ir ao galiñeiro, o repenicar coincidente das campás en varias parroquias á mesma hora, notar olor a incenso e o olor forte a aceite durante a tarde ou a noite. Tamén o son que se apague un cirio aceso nun funeral ou notar olor a cera nun cruce de camiños. Porén, a máis coñecida é a aparición da Santa Compaña.

Segundo a tradición galega, a Santa Compaña é unha procesión de almas en pena vestidas con túnicas negras con capucha que parten dunha igrexa cada noite sobre as doce para reclamar as almas dos que van morrer pronto. Esta procesión fantasmal está formada por dúas filas, cada espectro leva unha candea acesa e o seu paso deixa un olor a cera no aire. As candeas que levan non hai quen as apague, xa que son ósos de defuntos. Son un mínimo de cinco que portan a cruz, o estandarte, o caldeiro con auga bendita, o farol e por último a campá. Diante da Compaña vai un cristián acompañándoa e portando unha cruz que, para se librar dela, debe esperar a que outro cristián se cruce no seu camiño; daquela entregaralle a este a cruz que levará durante o resto da súa vida, de non ser que se cruce con outro mortal.

É unha crenza xeral que os que van na Compaña solo van en espírito, o seu corpo queda na cama e non responderá aínda que o chamen. Quen realiza esa función non recordará durante o día o transcorrido na noite. Unicamente se poderá recoñecer ás persoas penadas con ese castigo pola súa estrema delgadeza e palidez. Cada noite a luz da procesión será máis intensa e cada día a palidez será maior. Non lles está permitido descansar ningunha noite, polo que a saúde irá debilitándose ata enfermar sen que ninguén saiba as causas de tan misterioso mal. Condenados a vagar noite tras noite ata que morran ou se atopen con algún incauto ao que cambiarlle o papel.

Camiñan rezando case sempre un rosario, cánticos fúnebres e tocando unha pequena campá. Ao seu paso cesan todos os ruídos dos animais do bosque. É unha crenza xeral que os animais a ven, por iso que os cabalos ou as vacas se asusten pola noite sen motivos é un indicio de que está cerca. Os cans anuncian a súa chegada ouveando de forma desmedida e os gatos escapan espantados.

Quen presencie o paso da Compaña poderá coñecer quen vai morrer porque estará situado detrás do ataúde e coa vela máis pequena da procesión. Se llo conta ao interesado, este vivirá bastantes anos máis. 

Non todos os mortais teñen a facultade de ver cos ollos a Santa Compaña, só certos dotados teñen a facultade de vela, entre eles os nenos aos que o sacerdote bautizou por erro usando os santos óleos dos defuntos, posuirán de adultos o don de ver a aparición. Os demais deberán conformarse con sentila ou intuíla.

Para liberarse da obriga de acompañar a Santa Compaña hai moitos modos, o mais estendido é que quen a vexa debe trazar un círculo no chan e meterse dentro del, e para que sexa máis eficaz debe facerse cunha pola de oliveira. Outras veces dentro do círculo debúxase dentro del unha estrela salomónica. Tamén se recomenda apartarse do seu camiño e facer que non está; se non se aparta un ben e lle poñen unha vela na man, estará obrigado a acompañalos; por iso cómpre levar as mans pechadas e rezar un “Nosopai” polas almas ou ben levar os brazos cruzados.

Outras técnicas para liberarse da obriga é rezar e intentar non oír nada, subirse ao pedestal dun cruceiro, tirarse boca abaixo e esperar sen moverse aínda que lle pase a comitiva por riba, levar encima escapularios, cruces, allos ou castañas de indias.

Tamén se di que a Santa Compaña pode ofrecer unha suculenta mesa a quen a atope. Á persoa que probe estes alimentos levaraa con ela. É preciso negarse a comer desta mesa, porén é obrigatorio comer do que un leve ou facer que come, sempre que o leve gardado no peto. Desa maneira déixano marchar. Por iso se recomendaba levar sempre algo de pan no peto aínda que fosen faragullas.

Pódese aparecer en diferentes lugares, pero predominan os cruzamentos de camiño. Hai datas concretas nas que se di que hai máis aparicións coma por exemplo a Noite de Todos os Santos (entre o 1 e o 2 de novembro) ou a noite de San Xoán (24 de Xuño)

A influencia da cultura céltica sobre a poboación galaica debeu ser moi importante, e isto pode explicar por que existen na actualidade no noso folclore lendas ou crenzas que cadran coas dos países célticos. A Santa Compaña galega é moi similar á “Fairy Host” irlandesa, a “Sluagh” de Escocia ou ao “Toili” de Gales. Ramón Otero Pedrayo falaba das fadas e dos defuntos que no tempo do Samaín, en Irlanda, bebían nas fontes do esquecemento…


REFERENCIA A SANTA COMPAÑA EN CUARTO MILENIO

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s