No club de lectura estamos a ler… Madame Bovary

Texto por Gabriel Gomez

 

O autorImagen1

Gustave Flaubert (Ruan, Alta Normandía, 1821 – Croisset, Baixa Normandía, 1880) é considerado un dos mellores novelistas occidentais.

Era o segundo fillo de Achille Cléophas, cirurxián xefe do Hospital de Ruan, e de Anne Justine, emparentada con algunhas das máis antigas familias de Normandía.

En 1832 ingresou no Colexio Real de Ruan, onde cursou oitavo curso. Seguiu os seus estudos no colexio e o instituto de Ruan sen demasiado entusiasmo. Na escola era considerado un folgazán; non obstante iniciouse na literatura con once anos.

Licenciado en 1839, en 1840 superou o exame de bacharelato. No sorteo para o servizo militar resultou exento, e iniciou daquela sen demasiada convición os estudos de Dereito en París. Coñeceu a Victor Hugo e a finais de 1840 viaxou con el polos Pirineos e Córsega. De volta a París perdía o tempo soñando esperto, vivindo das rendas que lle proporcionaba o seu patrimonio. En 1844 deixou os estudos de Dereito co pretexto de reporse dun acceso de epilepsia e abandonou París para regresar a Croisset, preto de Ruan, onde viviría até a fin dos seus días. Aquí é tamén onde comezou os seus primeiros traballos literarios.

En 1848 comeza a escribir a súa primeira obra, A tentación de Santo Antonio. Nesa época realiza unha longa viaxe (1849-1851) co seu amigo Maxime du Camp ao longo de Italia, Grecia, Exipto, Xerusalén e Constantinopla. Esta viaxe causoulle unha grande impresión na imaxinación. Desde aquela, e salvo ocasionais visitas a París, non volveu abandonar Croisset. Nesas ocasións, durante o Segundo Imperio Francés, frecuentou os salóns parisinos máis influíntes e entre outros relacionouse con George Sand.

De regreso da súa viaxe a Oriente, en 1851 comezou a escribir Madame Bovary, que foi publicada por primeira vez en formato de folletín na Revue de Paris, en 1857. As autoridades iniciaron accións legais contra a editorial e o autor, acusados de atentar contra a moralidade, pero foron declarados inocentes.

Cando Madame Bovary apareceu en formato de libro recibiu unha cálida acollida. Flaubert puido custear unha visita a Cartago en 1858, coa fin de documentarse para a súa próxima novela, Salambo, que terminou en 1862.

Até este momento a vida de Flaubert fora relativamente feliz, pero pronto sufriu unha serie de desgrazas. Durante a Guerra franco-prusiana en 1870, soldados prusianos ocuparon su casa. Flaubert comenzou a padecer enfermidades nerviosas. A morte ou a incomprensión afastárono das súas amizades. A súa boa situación económica empeorou. Non obstante, non deixou de traballar.

Flaubert envellecu rapidamente a partir de 1870, e parecía un ancián cando faleceu en 1880, con 58 anos, dunha hemorraxia cerebral. Foi enterrado no panteón familiar do cemiterio de Ruan.

A súa obra, en galego e en castelán, é a seguinte:

–        Memorias de un loco (Ed. Libros del zorzal, 2006)

–        Noviembre (Ed. Impedimenta, 2007)

–        Madame Bovary (Galaxia, 1994 / Madame Bovary (Ed. Akal, 2007)

–        Salambo (Alianza editorial, 2014)

–        La educación sentimental (Ed. Mondadori, 2005)

–        La tentación de San Antonio (Ed. Cátedra, 2004)

–        Tres contos (Galaxia, 2007) / Tres cuentos (Alianza editorial, 2005)

–        Bouvard e Pecuchet (Ed. Toxosoutos, 2005) / Bouvart y Pecuchet (Mondadori, 2009)

 

A obra. Madame Bovary (1857)Imagen2

Madame Bovary narra a escura traxedia de Emma Bovary, muller infelizmente casada, cuxos soños chocan cruelmente coa realidade. Ao feitizo que exerce a figura da protagonista hai que engadir a sabia combinación argumental de rebeldía, violencia, melodrama e sexo que alimentan esta historia inigualable.

A través do personaxe de Madame Bovary, o autor rompe con todas as convencións morais e literarias da Burguesía do século XIX, talvez porque ninguén antes se atrevera a presentar un prototipo de heroína de ficción rebelde e tan pouco resignada ao destino.

Hoxe existe o termo «bovarismo» para aludir aquel cambio do prototipo da muller idealizada que difundiu o romantismo, negándolle os seus dereitos á paixón. Ela actúa de acordo á paixón e á necesidade que sente o seu corazón de avanzar na busca da súa felicidade, pasando polos ideais establecidos para a muller nesa época. Rompe co denominado encasillamento en que a maioría das mulleres estaban sometidas.

A obra foi adaptada á grande pantalla en numerosas ocasións: en 1933 polo francés Jean Renoir, en 1937 polo alemán Gerhard Lamprecht, en 1947 polo arxentino Carlos Schlieper, en 1949 polo estadounidense Vicente Minnelli, en 1991 polo francés Claude Chabrol e en 2000 polo británico Tim Fywell. A máis recente adaptación é deste presente ano, 2014, unha coprodución xermano-belga-estadounidense, dirixida pola francesa Sophie Barthes.

Tamén foi levada á televisión en 1975, nunha produción da BBC.

Madame Bovary, igualmente, foi levada ao teatro, sendo a máis coñecida a versión de Gaston Baty no teatro Montparnasse, en 1936; tamén foi representada como drama lírico na Opéra-Comique de París en 1951 e como ópera en Zúric en 1967, baixo a dirección do compositor suízo Heinrich Sutermeister.

Imagen3

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s