No mes de maio o Club de Lectura mensual está a ler XENTE AO LONXE, de E. BLANCO-AMOR.

texto por Patricia Nuñez

MAIO 2017:

 XENTE AO LONXE, de E. BLANCO-AMOR.

 

Xente ao lonxe é unha das grandes novelas corais da literatura galega. Un espectacular mosaico de voces e de historias na cidade mítica de Auria.

Unha novela na que o autor recrea situacións que reflicten os grandes cambios sociais que anuncian a Galicia de finais do século XIX. A aparición desta novela (1972), ambiciosa obra de madurez, coroaba a traxectoria dun dos máis grandes narradores do noso tempo.

Froito dun excepcional alento anovador, Xente ao lonxe ensambla un amplo abano de tipos humanos e historias sabiamente entrecruzadas e relatadas con eficaz técnica expresionista. Blanco Amor realizou nesta novela un ambicioso experimento literario no que se combinan 170 personaxes cunha concepción cinematográfica do relato, que vai acoutando progresivamente o seu campo de visión desde a panóramica social ao primeiro plano individual.

Alegato en favor dos desherdados, Xente ao lonxe é unha novela total na que se reconstrúe un universo e un tempo.

 

SOBRE O AUTOR:

Eduardo Blanco Amor naceu en Ourense no ano 1897. Fillo menor dunha familia modesta e autodidacta desde a infancia, en 1915 entrou como secretario de dirección en El diario de Orense. Antes de emigrar á Arxentina en 1919, participou no ambiente literario da cidade das Burgas e coñeceu o maxisterio de Risco, fundamental no seu posicionamento militante en defensa da causa galega e da universalidade da nosa literatura.

Instalado en Bos Aires, proseguiu a súa formación en contacto coa vida cultural da emigración e con intelectuais e artistas do continente. En 1923 fundou con Isla Couto a revista galega Terra e, tres anos máis tarde, ingresou na redacción do diario La Nación.

A súa carreira literaria comezou en 1928 coa publicación de Romances Galegos. Neses anos realizou dúas viaxes á Península como correspondente de La Nación. Na primeira (1929-31) trabou contacto con Castelao, así como con varios intelectuais do Partido Galeguista e do Grupo Nós. Aquí escribiu Poema en catro tempos (1931), longa composición sinfónica de filiación vangardista que publicaría na Arxentina. Xa en Bos Aires, Otero pediulle que colaborase na revista Nós, onde Blanco Amor publicou, ademais de poemas, tres capítulos de A escadeira de Jacob, novela inconclusa. Na segunda estadía (1933-35), coñecería algúns dos membros da Xeración do 27 española.

Tras o levantamento militar, defendeu desde a Arxentina a legalidade prebélica e o Estatuto de Autonomía e impulsou o espallamento da nosa literatura no continente americano. Porén, até o ano 1956, en que publica Cancioneiro, a súa produción literaria estivo redixida en español, nun intento fallido de se integrar na cultura española.

Catedrático de Lectura Expresiva e Interpretación de Textos no Conservatorio Arxentino desde 1952, fundou e dirixiu o Teatro Popular Galego (1957), agrupación dramática de curta vida. Antes de abandonar definitivamente América, Blanco Amor publicou A Esmorga (1959), libro que se constituiría nun dos grandes fitos da renovación da narrativa galega.

Xa de volta en Galiza, regresa tamén á cultura e a lingua galegas, dando ao prelo outra obra de enorme éxito: Os biosbardos (1962). Aínda que se viu ignorado pola oficialidade cultural, que o animara a regresar para despois desamparalo, literariamente viviu os seus anos máis fecundos. Tras publicar unha nova edición de A Esmorga (1970) e a longa novela Xente ao lonxe (1972), centrou a súa produción no teatro (Farsas para Títeres, 1973; Teatro pra a xente, 1975) e interviu no intenso debate teatral do momento.

Morreu en Vigo en 1979.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s