texto por Gabriel Gómez Estévez
La hondonada. Información da obra
A autora
Nilanjana Sudeshna “Jhumpa” Lahiri (Londres, 1967) é unha escritora estadounidense filla de pais bengalís. Medrou en Rhode Island, a onde se trasladaron os seus pais cando ela contaba con só dous anos.
Estudou Lingua Inglesa, Escritura Creativa e Literatura Comparada na Universidade de Boston realizando ademais un doutorado en Estudos Renacentistas.
Tras contar durante anos co rexeitamento dos seus relatos por parte dos editores, consegue finalmente publicar en 1999 (e, no ano seguinte, gañar o Premio Pulitzer) o seu primeiro libro, unha colección de contos titulada Interpreter of Maladies (Intérprete de emocións). En 2003 publica a súa primeira novela, The Namesake (O bo home) que poucos anos despois sería levada ao cinema pola realizadora india Mira Nair. Ao longo deses anos tamén viu publicados os seus relatos curtos nas páxinas na revista The New Yorker.
En 2015, Lahiri publica un ensaio titulado Teach Yourself Italian (“Aprende italiano por ti mesmo”) no The New Yorker sobre a súa experiencia aprendendo italiano. Nese ensaio afirma que agora escribía só en italiano e que o propio ensaio fora traducido do italiano ao inglés.
Actualmente é profesora de escritura creativa na Universidade de Princeton.
A novela. La hondonada (2013)
Os irmáns Subhash e Udayan viven nun humilde barrio de Calcuta onde, durante a temporada de choivas, un leito seco entre dúas lagoas se transforma nun grande espello de auga. Alí, na engroba, transcorre a súa infancia, xogando ao fútbol ou nadando, a mercé da natureza. Pero a engroba é algo máis que un anaco de terra. É o baleiro no corazón dos irmáns cando comezan a medrar e os seus camiños se separan de forma inexorable, un na India e o outro en Rhode Island.
Anos despois, cando a traxedia irrompe nas súas vidas, Subhash regresa ao seu país coa esperanza de recompoñer unha familia desgarrada a consecuencia dos actos de Udayan, que afectarán os destinos da súa esposa, dos seus pais e do seu irmán máis vello.