Texto por Patricia Nuñez
«A DESAPARICIÓN DE ESME LENNOX», DE MAGGIE O´FARRELL
Premio Novela Europea Casino de Santiago 2010.
Publicada orixinalmente en inglés no ano 2006, A desaparición de Esme Lennox desenvólvese en Edimburgo, na década de 1930. A familia Lennox ten problemas coa súa filla máis nova. Esme é franca e odia as convencións, e con frecuencia, avergónzaos ante a boa sociedade e hai que lle poñer remedio a este problema. Anos máis tarde, unha moza chamada Iris Lockhart recibe unha carta informándoa de que ten unha tía avoa nunha unidade psiquiátrica que está a piques de desaparecer. Iris nunca oíu falar de Esme Lennox e a única persoa que lle pode dar unha explicación, a súa avoa Kitty, é incapaz de responder ás preguntas de Iris.
Que fixo Esme para merecer que a encerrasen toda a vida nun manicomio?
E como é posible que se poida borrar completamente unha persoa da memoria da familia?
A desaparición de Esme Lennox é a formidable historia dunha vida roubada e impugnada.
Maggie O´Farrell é a herdeira directa de Daphne du Maurier, a autora de Rebecca, novela levada ao cinema por Alfred Hitchcock.
A AUTORA: MAGGIE O´FARRELL
Novelista e xornalista británica, aínda que nada en Irlanda do Norte, Maggie O´Farrell medrou entre Gales e Escocia sendo na actualidade unha das voces máis sobresaintes e recoñecidas da narrativa escocesa.
Despois de facer os seus estudos literarios na Universidade de Cambridge, desenvolveu numerosos empregos, sobre todo de crítica literaria. Tras o éxito da súa primeira novela After You´d Gone, decide abandonar a súa carreira de redactora en xefe das páxinas literarias do Independent on Sunday para se consagrar á escritura.
Maggie O´Farrell destaca pola súa brillante imaxinación, o seu talento para construír personaxes memorables, e a súa capacidade para transmitir emocións con claridade e intensidade dramática, logrando manter sen folgos ao lector ata a última páxina.