Benvidos a todos e todas!
Acabades de atopar o Blog a través do cal poderás seguir e vivir dende o teu ordenador, mobil ou tablet as actividades socioculturais do CSCXM O Ensanche. Nace da necesidade de compartir as experiencias que nel se viven. Gustaríannos que, aparte de lelo poidades participar a través dos comentarios que podedes deixar en cada post…
O CSC O Ensanche, é un recurso social, que traballa a prol da dinamización, participación da cidadanía e do desenvolvemento e o lecer comunitario no ámbito de Compostela, prestando servizos persoais de calidade e sendo lugar para o encontro e o estímulo tanto de iniciativas da administración como dos sectores asociativos e civís do barrio e da Cidade.
Conta cunha superficie total de 1630m2, distribuídos nunha soa planta caracterizada polo dinamismo e a versatilidade que lle dá un estilo de rúa peonil, que fai de eixo central dos diversos espazos do centro: área de novas tecnoloxías, sala de usos múltiples, sala de xuntanzas, zona wifi, área de uso expositivo, espazo de proxeccións, zonas de uso libre e polivalentes, tíckets Caixa Galicia e biblioteca, punto de información e consulta de prensa diaria e revistas e punto informático de información xuvenil.
Integrado na Rede Municipal de Centros e Locais socioculturais é tamén a sede dos servizos centrais de dirección, coordinación e xestión da Rede de Centros e Locais socioculturais, engadindo deste xeito outro trazo de polivalencia de servizos a este moderno equipamento.
Abriu as súas portas ao barrio en decembro do ano 2006, leva xa unha andaina de sete tempadas traballando nunha liña sociocultural caracterizada por varios eixos:
- Ser un espazo de encontro para as persoas da barrio no que se propicie a proximidade e o diálogo.
- Acompañar o traballo das entidades e organizacións do barrio e as súas iniciativas, integrando así un proxecto rico e compartido.
- Fomentar o sentimento de pertenza e identidade de barrio.
Así eramos cando abrimos:
A área sociocultural do centro aborda actualmente varios proxectos con accións estables durante todo o ano
Programa de saúde:
Actividades co obxectivo de traballar cara un avellentamento activo dos maiores do barrio e a mellora da calidade de vida da poboación en xeral: atendendo as necesidades físicas e cognitivas, así como actividades de movemento para o público en xeral e conferencias sobre aspectos de saúde.
Programa cultural:
A oferta de actividades culturais procura un equilibrio dinámico entre coñecemento e participación. A nosa motivación principal como institución sociocultural é por unha banda poñer en valor as iniciativas locais, e paralelamente facilitar oportunidades de participación dos públicos en actividades de creación cultural.
- accións de promoción e difusión da cultura: espectáculos e exposicións.
- accións de coñecemento e disfrute activo de produtos culturais: club de teatro, club de lectura, venres en familia
- accións de creación cultural: club de teatro, cursos de creación literaria e formación en xeral
Programa de acceso ás novas tecnoloxías:
Oferta formativa dirixida ao achegamento ás novas tecnoloxías, a través de cursos e seminarios monográficos. Así como uso libre de equipos para autoconsulta, e zona wifi.
Téntase tamén introducir de maneira práctica as novas tecnoloxías dentro de actividades cotiás, coma por expemplo xogos con GPS, Codigos Bidi, etc…
Programa de intervención e revitalización nos espazos públicos: colaboración con entidades do barrio para eventos exteriores, obradoiros mensuais de xogos populares na Praza Roxa.
SERVIZOS QUE PRESTA
Punto de recepción e información
Acollida e orientación ao usuario acerca dos servizos e actividades do centro e doutros externos.
Aula de Novas Tecnoloxías
Espazo para a práctica e formación nas novas tecnoloxías de información e comunicación
Conta con dous espazos diferenciados, unha con nove equipos informáticos e outra con mesas e cadeiras que se utiliza como sala de estudo cando hai horario de uso libre da aula e para algunhas actividades ou cursos. por motivos da propia estrutura da aula non permite actividades simultáneas.
Espazo de lectura e encontro
E o pasillo do centro que se divide en dúas zonas, unha para a lectura de prensa e revistas e outra para un uso mais informal coma pode ser ter conversar, xogar a algun xogo.
A zona de lectura conta con 7 mesas e 16 cadeiras, a zona de encontro conta con 5 mesas e 20 cadeiras, facendo un total de 36 postos.
O centro está subscrito ao correo galego (4), a voz de galicia (4), El mundo (4), El Pais (1), As (1). E de revistas: emprendedores, fotogramas, Kids NG, Muy interesante, Psycologies, Que leer, Redes, Saber Vivir, Traveler/Altair, Clio/Historia
Ademais das revistas, hai un espazo de liberalización de libros
Zona Wifi e punto de acceso informático
A zona wifi está situada na entrada do centro, conta con 8 mesas e 14 cadeiras e un punto de acceso eléctrico (regretas). A contrasinal está visible e poden conectarse aquel que queira sempre que traia o seu equipo (tablet, consola, móbil, portátil…)
O punto de acceso informático conta con equipos sobremesa con conexión a internet e están pensados para consultas rápidas, teñen un temporizador para que cada media hora remate a sesión e poida utilizalo outro usuario. Nun inicio había tres equipos pero fóronse estropeando. Ao principio do ano 2012 había dous equipos pero en marzo avariouse o segundo equipo quedando só un dispoñible.
Rexistro auxiliar
Rexistro e entrada de documentos que teñan coma destinatario o Concello de Santiago.
Unidade básica de servizos sociais
Servizo comunitario da concellaría de Benestar social e Muller que desenvolve accións preventivas, asistenciais e rehabilitadoras para mellorar a calidade de vida da cidadanía. Ofrece información, asesoramento técnico, e acompañamento ás persoas, familias e colectivos para facilitar o seu acceso aos recursos sociais pertinentes.
Nestes momentos o centro acolle dúas traballadoras sociais que se encargan da atención das zonas de O Ensanche, Castiñeiriño e Conxo
Concellaría de Xuventude
Canaliza a política municipal para a mocidade, ten coma eixes de actuación a promoción do asociacionismo xuvenil e a dinamización sociocultural. Desenvolve iniciativas propias dirixidas ao sector, así coma outras que xorden dende os propios colectivos, cun labor de apoio e asesoría técnica, establecendo as correspondentes liñas de axuda. Organiza actividades no centro sociocultural e fora del.
Podedes seguilos en:
https://www.facebook.com/concelleriadexuventudedesantiagodecompostela
Dirección da Rede de Centros Socioculturais
Dende hai varios anos está neste centro a dirección de centros socioculturais que se encarga de xestionar, coordinar e dirixir a extensa rede centros do concello de Santiago
Biblioteca Infantil e xuvenil Afundación
Espazo de promoción da lectura dedicado á literatura infantil e xuvenil. Conta cun servizo de préstamo dun amplo catálogo de fondos en galego. Ademais, organiza obradoiros, cursos, visitas escolares, exposicións, etc…
Zona expositiva
O corredor do centro está deseñado para poder acoller exposicións de distinta índole. 28,70m de espazo total de parede e columnas preparado para acoller exposicións de pintura, gravados, fotografías, paneis…
Podes seguirnos tamén en www.facebook.com/oensancheou na paxina oficial da rede de centros: http://www.santiagosociocultural.org/