Nova edición do MUSEO MAIS PEQUENO DA CIDADE

A participación no proxecto “O museo máis pequeno da cidade” está aberta a toda a veciñanza. O próximo xoves, 4 de abril, comeza o prazo de inscrición para as persoas ou grupos que desexen presentar a súa obra, que debe estar realizada dentro dunha caixa de cartón de 13×13 centímetros que será facilitada nos propios centros socioculturais. As obras rematadas entregaranse tamén na rede de CSCs, sempre acompañadas dun debuxo ou dunha copia da obra na que figure o seu título, o nome do seu autor ou autora e a súa idade.

A inscrición deberá realizarse do 4 ao 10 de abril, ben presencialmente nos centros socioculturais ou a través do mail ccpreinscricions@santiagodecompostela.gal, adxuntando o formulario que se pode atopar na sede electrónica do Concello de Santiago (trámite ‘Participación en actividades municipais da Rede de Centros e Locais Socioculturais’). As caixas-museo poderánse retirar do 10 ao 17 de abril, e o prazo para entregar as obras de arte irá do 19 ao 26 de abril. As pezas estarán expostas nos establecementos comerciais, designados mediante sorteo, desde o 15 de maio, cadrando coa celebración do Día Mundial dos Museos o día 18, ata o 12 de xullo. Posteriormente, as obras seránlle devoltas aos seus autores e autoras ao longo do mes de setembro.

Sábados no “Museo máis pequeno da cidade”

De forma paralela, e mentres as obras estean instaladas nos establecementos comerciais, a Concellaría de Centros Socioculturais porá en marcha un xogo nas redes sociais para animar a veciñanza a visitar as diferentes propostas do “Museo máis pequeno da cidade”. Para iso, colgaranse imaxes dunha parte do museo e iranse achegando pistas para que as persoas que queiran participar descubran onde se atopa a obra e cal é o seu título e a súa autoría. Para participar tamén é preciso inscribirse, a título individual ou en grupo, ben nos centros socioculturais ou ben no mail ccpreinscricions@santiagodecompostela.gal. Haberá un sorteo de agasallos entre todas as persoas ou grupos participantes.

Deixar un comentario