O club de lectura mensual está a ler: TEN O SEU PUNTO A FRESCA ROSA, de Mª XOSÉ QUEIZÁN

Texto por Patricia Nuñez

tenoseupuntoafrescarosa

Unha novela de narratividade trepidante, construída como un grande friso do Vigo dos anos setenta e oitenta, no que se entrecruzan sabiamente a historia de tres mulleres e as súas familias que viven entrelazadas polo amor e pola morte.
En Ten o seu punto a fresca rosa, María Xosé Queizán acada a súa plenitude literaria, ofrecéndonos unha obra dunha narratividade trepidante que se le dunha sentada. Novela divertida e desconcertante está construída como un grande friso do Vigo dos anos setenta e oitenta, no que se entrecruzan sabiamente a historia de tres mulleres: Lucía Castro, Charo Santoro e Petra Seixo. Historia das súas vidas e das súas familias, das súas orixes, que viven entrelazadas polo amor e pola morte. As tres protagonistas da novela Lucía, Charo e Petra son tres persoas de diferente clase social, de diferente adscrición urbana, de diferente formación, mesmo de diferente opción sexual, unidas pola figura de María, a adolescente desgraciada. Son tres personaxes complexos, verosímiles, cheos de contradiccións, sobre os que unha narradora omnisciente non se deixa levar nin pola complaciencia, nin o sentimentalismo.

 

(… extraído da ficha do libro da editorial)

 

Mª XOSÉ QUEIZÁN:

Queizán naceu en Vigo, o 5 de febreiro de 1939. Escritora, catedrática de lingua e literatura galega, e figura relevante no movemento feminista en España, comezou a súa carreira como escritora na adolescencia, escribindo artigos para o xornal vigués “El Pueblo Gallego“.

 

Nos anos 50, participou en obras de teatro, cheganado a crerar en 1959 o “Teatro de Arte y Ensayo de la Asociación de la Prensa de Vigo“, e a fundar e dirixir de 1967a 1968 o “Teatro Popular Galego“.

 

O seu carácter emprendedor e o seu amor polo teatro a levaron a desempeñar varios papeis a cargo de diversas organizacións, como codirectora do grupo teatral Feministas Independentes Galegas (FIGA), directora da galería de arte Roizara de Vigo, vicepresidenta do Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo e directora e organizadora do I encontro de Mujeres Poetas Peninsulares y de las Islas (1996).

 

A súa labor como escritora se diversifica en tódolos xéneros e estilos: novela, conto, ensaio, teatro e poesía; tamén é tradutora. Os seus ensaios feministas tratan temas tan controvertidos como a colonización sexual das mulleres, o cuestionamento da maternidade biolóxica e a reflexión sobre a escrita non androcéntrica.

 

A principios dos setenta trasladouse a París, onde coñece a nova novela francesa, o que a axudará a escribir a súa primeira novela, A orella no buraco, obra incluída na Nova Narrativa Galega. En 1977 publica o ensaio A muller en Galicia ao que lle seguiría en 1980 Recuperemos as mans e, en1998, Misoxinia e racismo na poesía de Pondal. Creou a revista Festa da Palabra Silenciada, feita só por mulleres, a cal coordina e dirixe dende1983. En 1089publicou unha obra de teatro, Antígona ou a forza do sangue, coa que queda finalista do Premio Álvaro Cunqueiro. Outra obra de teatro, Non convén chorar máis, permanece inédita. O seu primeiro poemario Metáfora da metáfora aparece en1991, seguido por Despertar das amantes en 1993 e Fóra de min en1994. Como tradutora, figuran no seu haber pezas como: O caderno azul de Marguerite Yourcenar, e tamén contos de Karen Blixen, Emilia Pardo Bazán e Charlote Perkins.

 

 

ENLACES DE INTERESE:

https://mariaxosequeizan2.wordpress.com/

  • “María Xosé Queizán, elixida como Galega Nas Letras deste ano” Artigo en SermosGaliza.gal:

http://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/maria-xose-queizan-elixida-galega-nas-letras-deste-ano/20160426125459047058.html

 

o       “La ideología de que las mujeres estamos para parir no es una vuelta a 25 años atrás, sino a hace siglos” Mª Xosé Queizán:  http://www.eldiario.es/galicia/ideologia-mujeres-parir-vuelta-siglos_0_144186021.html

El mar de JOHN BANVILLE, novo libro no Club de lectura Semanal

Texto por Gabriel Gomez Estevez

el mar

El mar. Información da obra

O autor

William John Banville (Wexford, Irlanda, 1945), que escribe como John Banville e ás veces como Benjamin Black, é un escritor irlandés, xornalista, novelista, adaptador de pezas de teatro e guionista.

É o máis novo de tres irmáns (un deles tamén escritor). Fixo a escola primaria na CBS de Wexford, e despois estudou no St. Peter College tamén de Wexford. A pesar de ter pretendido ser pintor e arquitecto, non frecuentou a Universidade. Tras ter saído do instituto, decidiu non cursar estudos universitarios e traballou na Aer Lingus, o que lle permitiu viaxar a prezos con grandes descontos, tendo tirado partido diso para viaxar até Grecia e Italia. Viviu nos Estados Unidos entre 1968 e 1969.

No seu regreso a Irlanda, foi subeditor no The Irish Press, acabando por subir ao posto de subeditor xefe.

Desde 1990, Banville ten sido un colaborador regular do The New York Review of Books. Tras o colapso do The Irish Press en 1995, foi como subeditor para o The Irish Times sendo nomeado en 1998 editor literario. Este xornal tamén sufriu graves problemas financeiros e Banville foi forzado a saír.

Banville publicou o seu primeiro libro, unha colectanea de contos titulada Long Lankin, en 1970. Renega da súa primeira novela publicada, Nightspawn, describíndoa como “excéntrica, .., absurdamente pretenciosa”. Seguirían a esta Birchwood (1973), a chamada Triloxía das revolucións —composta por Copérnico (1976), Kepler (1981) e A carta de Newton (1982)— e preto dunha ducia de novelas máis, entre as que destacan O libro das probas (1989), finalista do Premio Booker, e El mar (2005), que gañou o prezado galardón.

Banville é coñecido polo estilo preciso da súa prosa. O seu enxeño e o seu humor negro mostran a influencia de Nabokov.

Tendo comezado con Christine Falls, publicado en 2006, Banville ten escrito novelas policiais baixo o pseudónimo de Benjamin Black. Escribe as súas obras de ficción policial como Benjamin Black moito máis rapidamente do que confecciona as súas novelas literarias. Considera o seu traballo como Black un ofício, e artístico como Banville.

Sobre o seu desdobramento como escritor, ten dito: “A arte é unha cousa estraña. Baixo o sombreiro de Banville podo escribir 200 palabras ao día. Un día decidín que podía converterme noutro e baixo ese segundo sombreiro, nesa segunda pel, podo ir comer tras escribir un milleiro de palabras, talvez 2.000, e desfrutar con iso. É incrible descubrir como outro guicho pode vivir a túa vida e usar as túas mans e deleitarse con iso. Escribir é un traballo peculiar… Escribir é como respirar. Fágoo por necesidade. Pola miña propia boca, e agora tamén pola de Black”.

Banville casou coa artista téxtil norteamericana Janet Dunham con quen tivo dous fillos que agora son adultos, mais o matrimonio acabou por separarse.

Banville vive con Patricia Quinn, ex xefe do Consello das Artes de Irlanda con quen ten dúas fillas.

En 2014 recibiu o Premio Princesa de Asturias.

A súa obra, traducida ao castelán, é a seguinte:

Copérnico (Edhasa, 1984)

Kepler (Edhasa, 2004)

La carta de Newton (Península, 1991)

Mefisto (Península, 1990)

El libro de las pruebas (Anagrama, 2000)

El Intocable (Anagrama, 1997)

Eclipse (Anagrama)

Imposturas (Anagrama, 2005)

Imágenes de Praga (Herce, 2008)

Los infinitos (Anagrama, 2010)

Antigua Luz (Alfaguara, 2012)

La guitarra azul (Alfaguara, 2016)

Como Benjamin Black (todos en Alfaguara)

El secreto de Christine

El otro nombre de Laura

El Lémur

En busca de April

Muerte en verano

Venganza

Órdenes sagradas

La rubia de ojos negros

 

A obra. El mar (2005)

Tras a recente morte da súa esposa despois dunha longa enfermidade, o historiador de arte Max Morden retírase a escribir á vila costeira na que de neno veraneou xunto cos seus pais.

O pasado convértese daquela no único refuxio e consolo para Max, que rememorará o intenso verán no que coñeceu aos Grace (os pais Carlo e Connie, os seus fillos xemelgos Chloe e Myles, e a asistenta Rose), polos que se sentiu inmediatamente fascinado, e no que se iniciou á vida e os seus praceres –a amizade e o amor– mais tamén, á dor e a morte.

Esta novela é unha conmovedora meditación acerca da perda e o poder redentor da memoria.

Ao pe do magnolio de Marina Mayoral é o novo libro que comeza o Club de Lectura Semanal

texto por Gabriel Gomez Estevez

magnolio

Ao pé do magnolio. Información da obra

A autora

Marina Mayoral Díaz (Mondoñedo, 1942) é unha escritora e articulista en galego e castelán.

Estudou os dous primeiros anos de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, trasladándose a Madrid e licenciándose en Filoloxía Románica. Doutórase cunha tese baseada na poesía de Rosalía de Castro. Máis tarde diplómase en psicoloxía. Actualmente é catedrática xubilada de Literatura Española da Universidad Complutense.

Ademais do seu labor docente, traballou como codirectora da colección “Biblioteca de Escritoras” de Editorial Castalia e dirixiu a colección “Relatos” da editorial Edhasa e a colección “Club de Clásicos” de Ediciones SM. Colabora semanalmente en La Voz de Galicia.

Como narradora a súa visión do mundo caracterízase por unha especial concepción do amor e da morte como forzas condicionantes do destino humano. As notas formais máis destacadas son a finura das análises psicolóxicas, o humor, a naturalidade da prosa, o xogo de perspectivas, e as estruturas metaliterarias. A acción de case todas as súas novelas desenvolvese nun lugar imaxinario, situado en Galiza, chamado Brétema.

En 1979 gañou o Premio de Ámbito Literario por Cándida otra vez, e en 1980 o Premio Novelas y Cuentos por Al otro lado. Ao ano seguinte outórgaselle o Premio Gabriel Sijé de Novela Corta por Plantar un árbol. Gañou tamén o Premio Losada Diéguez por Chamábase Luís en 1989.

 

Varias das súas novelas foron traducidas a varias linguas, tales como o alemán, o catalán ou o chinés. Os seus contos encóntranse nas mellores antoloxías en lingua española e tamén en antoloxías de lingua inglesa e alemá.

Como investigadora destacan os seus estudos sobre literatura femenina (Rosalía de Castro, Pardo Bazán…) e as súas análises do proceso de creación literaria. Algúns dos seus títulos, en galego e en castelán, son os seguintes:

  • Chamábase Luís (Ed. Xerais, 1989)
  • Case perfecto (Ed. Xerais, 2007)
  • O anxo de Eva (Xerais, 2013)
  • Recóndita armonía (Alfaguara, 1994)
  • Recuerda, cuerpo (Alfaguara, 1998)
  • La sombra del ángel (Alfaguara, 2000)
  • Querida amiga (Alfaguara, 2001)

A obra. Ao pé do magnolio (2004)

Esta libro conta a historia de Paco, que reflexiona sobre a súa relación frustrada con Laura e sobre a súa propia vida. Trátase dunha historia de amor contada desde o outro lado, tamén dunha reflexión sobre o que foi e sobre o que puido ser, sobre a aceptación da renuncia ao gran amor. Os éxitos, os fracasos, as decisións que marcan un camiño sen retorno son o tema que Marina Mayoral explora nesta novela, amosando unha grande habilidade para manter en todo momento o interese e a tensión da historia. A narración é unha procura nesas fonduras da alma onde as ilusións non realizadas agardan a ocasión de xurdir de novo á vida. Esta novela dá voz ao personaxe masculino do seu emocionante libro Unha árbore, un adeus.

O Club de Lectura semanal comeza EL HEREJE de Delibes

Texto por Gabriel Gómez Estevez

delibes

O autor

Miguel Delibes Setién (Valladolid, 1920 – Valladolid, 2010), foi un escritor de novelas, xornalista español e membro da Real Academia Española.

Terceiro de oito irmáns, cursou os seus estudos no colexio de Lourdes, onde acabou o bacharelato en 1936. Co estoupido da Guerra Civil enrolouse como voluntario na Mariña do exército fascista en 1938. Ao acabar a contenda regresou a Valladolid, onde estudou Dereito e Comercio.

Foi catedrático de Dereito Mercantil e xornalista, dirixindo o xornal El Norte de Castilla desde 1958 até 1963. Como catedrático houbo de se enfrontar á censura á hora de tratar nas súas aulas o concernente á vitoria dos “nacionais” na guerra (vitoria pola que el mesmo combatera); como xornalista e escritor tamén tivo roces cos censores.

A súa primeira incursión na novela foi La sombra del ciprés es alargada (1947), que obtivo o premio Nadal.

En 1963 dimite como director de El Norte de Castilla tras varias desavinzas con Manuel Fraga, ministro de Información e Turismo. No ano seguinte, pasou seis meses nos Estados Unidos como profesor visitante do Departamento de Linguas e Literaturas Estranxeiras da Universidade de Maryland.

Despois de publicar outras obras, en 1966 deu ao prelo Cinco horas con Mario, considerada a súa obra mestra. Fóra dos seus contidos existenciais, a novela é unha furiosa sátira da mediocridade das clases medias xurdidas ao amparo do desenvolvemento económico da posguerra española baixo o goberno franquista.

Por outra banda, existe un grupo de novelas sobre unha das grandes afeccións do autor, a caza, unidas polo personaxe dun bedel de instituto afeccionado ao deporte cinexético, personaxe que despois se transforma nun emigrante en terras de Chile e nun xubilado. Unha delas, Diario de un cazador, obtivo o Premio Nacional de Literatura.

En 1973 foi elixido para formar parte da Real Academia Española de la Lengua e ocupar o sillón e minúsculo. Nos seguintes anos seguiu publicando obras como Los santos inocentes (1982), onde noveliza a degradación dunha familia rural explotada por uns burgueses que encarnan a España vencedora e sen principios da posguerra civil. Foi levada ao cine por Mario Camus con grande éxito.

Nas décadas dos 80 e 90 chegaron os recoñecementos: o Príncipe de Asturias, ex aequo con Torrente Ballester; a investidura como honoris causa pola Universidade de Valladolid, a Complutense de Madrid, a do Sarre (Alemaña); o nomeamento como Cabaleiro das Artes e das Letras da República Francesa; o nomeamento como fillo predilecto de Valladolid…

A súa última grande obra, El hereje (1998), obtivo o Premio Nacional de Literatura. El mesmo declarou ao recibir o galardón, xa con 79 anos, que colgara os trastos de escribir. Coa entrada do milenio, creouse a Cátedra Miguel Delibes, con sede nas universidades de Nova York e Valladolid, e cuxo obxectivo é o estudo da literatura española contemporánea, dala a coñecer nos Estados Unidos e difundila mediante as novas tecnoloxías.

Tras a publicación de El hereje a súa carreira literaria practicamente detívose, principalmente polo cáncer de colon que padecía o escritor. Encontrábase impedido en gran medida, e experimentaba unha apatía cada vez máis grande. Con todo, e a pesar das dores que o aqueixaban, o escritor trataría aínda de sacar adiante unha nova novela curta mediada a década de 2000. Non obstante, a obra, que ía levar por título Diario de un artrítico reumatoide, foi finalmente abandonada.

Delibes morreu no seu domicilio vallisoletano, aos 89 años de idade, como consecuencia do cáncer de colon do que non puido recuperarse.

A súa obra, só novela, é a seguinte (a maioría na Editorial Destino):

  • La sombra del ciprés es alargada (1947)
  • Aún es de día (1949)
  • El camino (1950)
  • El loco (1953)
  • Mi idolatrado hijo Sisí (1953)
  • Diario de un cazador (1955)
  • Diario de un emigrante (1958)
  • La hoja roja (1959)
  • Las ratas (1962)
  • Cinco horas con Mario (1966)
  • Parábola del náufrago (1969)
  • El príncipe destronado (1973)
  • Las guerras de nuestros antepasados (1975)
  • El disputado voto del señor Cayo (1978)
  • Los santos inocentes (1981)
  • Cartas de amor de un sexagenario voluptuoso (1983)
  • El tesoro (1985)
  • 377A,madera de héroe (1987)
  • Señora de rojo sobre fondo gris (1991)
  • Diario de un jubilado (1995)
  • El hereje (1998)

A obra. El hereje (1998)

No ano 1517, Martín Lutero fixa as súas noventa e cinco teses contra as indulxencias na igrexa de Wittenberg, un acontecemento que provocará o cisma da Igrexa Romana de Occidente. Ese mesmo ano nace en Valladolid Cipriano Salcedo. Nun momento de axitación política e relixiosa, esta mera coincidencia de datas marcará fatalmente o seu destino. Convertido en próspero comerciante porase en contacto coas correntes protestantes que, de maneira clandestina, comezaban a introducírense na Península.

A través das peripecias vitais e espirituais de Cipriano Salcedo, debúxase nesta novela un vivísimo retrato do Valladolid da época de Carlos V, das súas xentes, os seus costumes e as súas paisaxes; da indagación sobre as relacións humanas en todos os seus aspectos. Un canto apaixonado pola tolerancia e a liberdade de conciencia.

 

Estrea documental O DESCRÉDITO

Estades convidados a estrea do documental “O descrédito” en Santiago de Compostela. Este documental realizado por ADICAE contou co director Victor Moreno.

Un documental que ensina a realidade oculta do mercado de crédito en España. A través de testemuños de expertos, e sobre todo de vítimas. Descubriremos como e porqué unha pequena compra ou o pago dunha simple factura convértense nunha trampa salvaxe.

CANDO? o vindeiro mércores 2 de marzo ás 17.30 no Centro Sociocultural do Ensanche (Rúa Frei Rosendo Salvado, 14- 16 baixo) en SANTIAGO DE COMPOSTELA.

TRAILER

DOCUMENTAL ONLINE

O Club de lectura semanal comeza ” A pel fria” de Albert Sánchez Piñol

texto por Gabriel Gómez

Imagen2

O autor

Albert Sánchez Piñol (Barcelona, 1965) é un antropólogo, africanista e escritor catalán. A maior parte da súa obra está escrita en lingua catalá. É membro do Centro de Estudos Africanos e ten colaborado na redacción de anuarios de enciclopedias interactivas.

Foi alumno do Collegi Claret de Barcelona. Posteriormente, despois de deixar os estudos de Dereito que comezara, licenciarase en antropoloxía na Universidade de Barcelona, especializándose en estudos sobre África. Viaxou ao Congo nos anos 90 para acabar a súa tese doutoral. Cando estoupe a guerra civil naquel país, terá que abandonalo. Será daquela cando escriba A pel fría, o libro que o vai lanzar á fama: 32 edicións en catalán (2012) e dereitos de tradución en 37 linguas. Obterá tamén o premio Ojo Crítico de RNE en 2003 e para o presente ano estrearase un filme baseado na novela, dirixida polo director francés Xavier Gens e rodada en Islandia.

En 2000, publica Pallassos i monstres, unha obra de divulgación que narra a historia de 8 ditadores africanos que gobernaron os seus países con man de ferro. Máis tarde, Sánchez Piñol aproveitaría os seus coñecementos de África e do Congo para escribir unha novela centrada na explotación do país polos europeos (Pandora al Congo).

Ten colaborado activamente nos diarios Ara e La Vanguardia.

A súa obra de ficción, traducida ao castelán, é a seguinte:

  • Compañía difícil, 2000, Literalia (coescrito con Marcelo Fois)
  • Las edades de oro, 2001, Proa
  • Pandora en el Congo, 2005, Suma de Letras y La Campana
  • Trece tristes trances, 2008, La Campana
  • Barcelona 1714 (2012, La Campana)
  • Vae Victus, 2015, La Campana

A obra. La piel fría, 2002

Fuxindo en parte do seu pasado como activista do IRA, o protagonista chega a unha diminuta illa perdida no océano onde a única edificación é unha cabana do meteorólogo e un faro. A súa primeira sorpresa consiste en comprobar que o único habitante da illa non sae a recibilo, pero logo isto convértese nun detalle sen importancia cando descobre que o faro é periodicamente atacado por seres procedentes do mar cuxos obxectivos ninguén coñece. Non tarda en unir esforzos co defensor do faro, Batis Caffó, pero co paso dos días, e sometido á extrema tensión dos ataques nocturnos, comeza a reformular a súa actitude cara aos supostos monstros mariños.

Mediante unha extremecedora e emocionante novela na que a aventura e a acción ocupan un lugar central, o autor formula dun modo intelixente a percepción do ser humano cara ao individuo distinto, cuestiona a actitude que hai que adoptar frente ao estraño e aboga implicitamente polo diálogo entre os diferentes.

O CL Semanal está a ler Stoner de John Williams

Texto por Gabriel Gomez Estevez

Imagen1

O autor

John Williams (Clarksville -Texas-, USA, 1922 – Fayetteville -Arkansas-, USA, 1994) foi un escritor e poeta estadounidense.

Naceu na pequena localidade texana de Clarksville, preto do río Vermello. Despois de desenvolver varios empregos en xornais e emisoras de radio, Williams enrolouse no exército en 1942, durante dous anos e medio serviu como sarxento na India e Birmania. Varios anos despois da guerra foi á Universidade de Denver. Durante este período publicou a súa primeira novela, Nothing But the Night (1948), e a súa primeira colección de poemas, The Broken Landscape (1949). En outono de 1950 Williams foi á Universidade de Missouri, onde exerceu como profesor e obtivo o doutorado en 1954. En 1955 pasou a dirixir o programa de escritura creativa da Universidade de Denver.

Nos seguintes anos publicaría varias novelas e libros de poemas, aínda que a obra máis coñecida é a súa cuarta novela, Augustus (“El hijo de César”), gañadora do National Book Award de ficción en 1973. En 1965 publicara a súa terceira novela, Stoner, que foi reeditada por The New York Review of Books nos anos 2000 e que axudou a redescubrilo.

Tras xubilarse na Universidade de Denver en 1986, Williams trasladouse coa súa muller a Fayetteville, até que morreu dun fallo respiratorio en 1994. Unha quinta novela, The Sleep Of Reason, quedou inacabada no momento do seu falecemento.

Da súa curta obra, aparte de Stoner, temos traducido ao castelán El hijo de César, Ed. Pamies, 2008.

 

A obra. Stoner (1965)

 

William Stoner, fillo único dun matrimonio de granxeiros que sobrevive na penuria, é enviado a estudar agricultura á Universidade de Missouri. O obxectivo do seu pai é sinxelo: que o rapaz aprenda técnicas novas e que, á volta, se faga cargo da granxa. Pero nesas clases, onde se sabe un intruso, descobre a literatura, e de que maneira pode cambiar a súa vida.

 

A partir de aí, o seu fracaso matrimonial, o seu non de todo feliz peripecia profesional, a súa fidelidade á institución, a súa busca constante dunha esquiva paz interior. Pero, sobre todo, unha maneira de falar, de contar, que mereceron o eloxio unánime da crítica.

Disfrazaste con nos?

Este ano celébranse os 25 anos do primeiro centro sociocultural da cidade. Para celebralo faremos un desfile por todo o alto. No centro socioculural do Ensanche iremos de Majorettes, mentres que noutros centros irán no desfile aniversario doutros elementos que non poden faltar nunha festa.

Noso disfraz componse dun traxe de gala, gorro e unha barita de majorette ou un tambor a elexir.

Queres saber cómo se fai? presta atención

titorial rapido COMPARSA ENTROIDO 2016_Página_1titorial rapido COMPARSA ENTROIDO 2016_Página_2

titorial gorro ENTROIDO 2016_Página_1titorial gorro ENTROIDO 2016_Página_8titorial gorro ENTROIDO 2016_Página_6titorial gorro ENTROIDO 2016_Página_2titorial gorro ENTROIDO 2016_Página_3titorial gorro ENTROIDO 2016_Página_7titorial gorro ENTROIDO 2016_Página_4

titorial gorro ENTROIDO 2016_Página_5

TIRORIAL DA BARITA_Página_1TIRORIAL DA BARITA_Página_2TIRORIAL DA BARITA_Página_3

TIRORIAL DA BARITA_Página_4

TAMBOR FEITO CON MACETA_Página_1TAMBOR FEITO CON MACETA_Página_2TAMBOR FEITO CON MACETA_Página_3

O club de lectura semanal comeza a ler LAS HIJAS DE ZALMAN

texto por Gabriel Gómez

Las hijas de Zalman. Información da obra

Imagen1

A autora

 

Anouk Markovits medrou en Francia, no seo dunha familia xasídica satmer. Aos dezanove anos chegou aos Estados Unidos fuxindo dun matrimonio concertado.

 

Despois de estudar en Columbia, licenciouse en Arquitectura na Universidade de Harvard e obtivo un doutorado en Literatura Románica na de Cornell. Markovits escribiu a súa primeira novela, Pur Coton (Gallimard, 1989), en francés, a súa lingua materna.

 

Las hijas de Zalman, a súa primeira novela en inglés, foi enxalzada unanimemente pola crítica, e os seus dereitos de publicación xa se venderon a doce países.

 

Na actualidade vive en Nova York.

A obra. Las hijas de Zalmann (2013)

Mentres un terremoto político sacode Europa, o pequeno Josef Lichtenstein é testemuña do asasinato da súa familia a mans dun gardia de ferro romanés. Salvado pola criada, que o bautiza e o faie pasar polo seu fillo, cinco anos despois el mesmo salva a Mila, unha nena xudía que sufriu un trance similar.

 

Así, Mila consegue chegar até Zalman Stern, líder da comunidade xasídica satmer, en cuxa casa medrará. Mais unha vez instaladas en París e alcanzada a maioría de idade, o camiño das irmás bifúrcase, unha cuestionándose o incuestionable e outra absorbendo con convición os estritos preceptos relixiosos que lle inculcaron. Non obstante, anos máis tarde, a esta última, xa casada e vivindo en Nova York, esa mesma rixideza empurraraa a tomar unha decisión desesperada, que ameazará con destruír á súa familia e expulsala do único mundo que coñece.

 

 

 

 

O Club de lectura semanal empeza UN ARBOL CRECE EN BROOKLYN

Texto por Gabriel Gomez Estevez

Un arbol crece en Brooklyn. Información da obra

Betty_Smith

A autora

 

Betty Smith (Brooklyn, Nova York, 1896 – Shelton, Connecticut, 1972) foi unha novelista estadounidense. Naceu en Williamsburg, un barrio de emigrantes pobres de Brooklyn, que aínda era unha cidade separada de Nova York.

A infancia de Betty transcorreu nunha pobreza extrema. Con catorce anos tivo que abandonar os estudos e pórse a traballar, desenvolvendo unha multitude de oficios, tales como pinche de cociña nun restaurante, caixeira nun grande almacén, operadora de teletipo…

O horario nocturno deste último traballo permitiulle reanudar os seus estudos. En 1918 aprobou unhas oposicións á administración e comezou a traballar cun bo soldo no servizo de Correos. O ano seguinte casou e mudouse a Michigan, onde nacerían as súas dúas fillas. Cando estas comezaron a ir á escola Betty decidiu completar a súa educación superior. Aínda que non acabara o bacharelato, polo que non podía matricularse formalmente, foi autorizada a asistir a clases na Universidade de Ann Arbor, onde seguiu cursos de xornalismo, literatura e arte dramática.

Unha das obras de teatro que escribira na universidade fíxolle gañar o prestixioso Premio Avery Hopwood para estudantes. Co diñeiro recibido dese premio puido matricularse na Escola de Arte Dramática da Universidade de Yale. Alí, roto xa o seu primeiro matrimonio, Betty coñecería a Robert Finch, autor dramático, que se convertiría co tempo, segundo confesión propia, no “amor da súa vida”.

Tras a separación, os problemas económicos de Smith aumentaron: abandonou Yale, volveu a Nova York coa súa nai e comezou a gañar malamente a vida escribindo historias románticas para publicacións de baixa categoría. En 1935 conseguiu un emprego como lectora de obras dramáticas no Federal Theatre Project, unha das ramas artísticas da Works Progress Administration (WPA), a axencia instituída no marco do New Deal para dar traballo aos millóns de desempregados que había tras a Gran Depresión. En 1938 mudouse a Carolina do Norte, onde continuou o seu traballo para o Proxecto, agora como autora dramática: así escribiu máis de setenta obras, moitas delas en colaboración, principalmente con Robert Finch, co que comenzou unha relación sentimental. En 1939 acabou a súa colaboración coa WPA e volveron os problemas económicos; só unha bolsa da Fundación Rockefeller permitiulle continuar vivindo en Carolina do Norte. Tras unha interrupción da súa relación con Finch, casou en 1943 cun xornalista e escritor.

Poucos días despois da súa voda, Betty Smith publicou a súa primeira novela, Unha árbore medra en Brooklyn, obra de marcada inspiración autobiográfica. O éxito da novela foi inmenso. Nas primeiras semanas vendéronse 300.000 exemplares e para finais do ano 1945 alcanzaban case os tres millóns, só en inglés. Smith converteuse da noite para o día nunha celebridade. A recepción crítica tamén foi eloxiosa. Este éxito levou a que se fixera unha película e un musical en Broadway.

Despois de Unha árbore medra en Brooklyn, Betty Smith publicou outras catro novelas, sen que ningunha delas alcanzara o grande éxito da primera.

Betty Smith divorciouse do seu segundo marido e contraeu matrimonio en 1957 con Robert Finch, xa moi enfermo a consecuencia da súa adición ao alcohol e que morrería só dous anos despois. Betty sobreviviulle até o 17 de xaneiro de 1972, data na que faleceu de pneumonía aos 75 anos.

Á parte de Un árbol crece en Brooklyn (Debolsillo, Lumen), a editorial Lumen ten publicada desta autora a obra Mañana puede ser un gran día.

 

A obra. Un árbol crece en Brooklyn (1943)un arbol crece en brooklyn

Transcorren os anos vinte do século pasado e descubrimos a pequena Francie Nolan lendo sentada na escada antiincendios da súa casa, á sombra dunha árbore que só medra nos barrios máis pobres das grandes ciudades. Pouco a pouco, a ollada afástase da pícara para abranguer a estravagante familia Nolan, que malvive nun barrio de Brooklyn. Coñeceremos así os seus pais, o seu irmán e a entrañable tía Sissy, que usa os homes para aplacar os seus instintos maternais. Francie medra rodeada dos libros que tanto lle gustan e pronto comeza a preguntar e a pedirlle á vida algo máis que un triste acomodo na mediocridade.


Categorías

Seguenos en facebook!

Introduce o teu enderezo de correo electrónico para seguir este Blog e recibir as notificacións das novas publicacións no teu buzón de correo electrónico.

Únete aos outros 442 segidores

Arquivo: busca aqui as novas por data

Follow O Ensanche on WordPress.com

Estatísticas do blog

  • 16,327 visitas

Seguir

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 442 segidores

%d bloggers like this: